Nun lugar de Grah-'m'-beea', situado na Galaxia Beegoh...
... unha xove padawan pasa as páxinas dun xornal de aspecto gastado. As inclemencias da estación non deixan que os obxectos perduren neste planeta desolador. No entanto, a data da portada é a do día no que nos atopamos.
- Leo.
- Le logo.
- Non, oh, o horóscopo.
- A estas alturas xa deberías saber que a un padawan non lle afectan as inxenuas interpretacións de astros tan novos.
- Hasme deixar lelo, mestre rosmón?
- Le logo.
- "A túa capacidade resolutiva e de liderazgo é incuestionable. Os asuntos do corazón evolúen de día en día. Responsabilidade."
O mestre racha a rir. Mesmo se non cre nas afirmacións do xornal, a xa habitual ironía da columna do horóscopo para co signo zodiacal da padawan non deixa de ser graciosa.
- Homenonmejodas...
- Atinou, ou?
A ollada cargada de ira da padawan inspira unha nova gargallada no seu mestre.
- O do corazón non ten por que ser mentira... Ti imaxina que empeza hoxe... mellor que onte has estar, peor non pode ser... Iso é unha evolución...
O mestre jedi ri tanto que semella que as súas meixelas, arroibadas, vaian estoupar dun intre a outro. Agarra o estómago cunha man coma se fora partirse en dous e dá golpes na mesa co puño. O son do seu riso retumba no cuarto de paredes ennegrecidas polo paso dos anos.
- Cuidao non vaia resolvelo liderando un exército... Que seica é o meu...
- Non bromees co lado escuro, non quererás caer nel...
- Nah, non vaia tropezar sen luz.
- Confío na túa responsabilidade, Beluka Kenobi...
- Xa, por iso 'tou aí facendo o traballo de 3 esta semana... Como siga quedando ata as tres na oficina máis días voume queixar, Mestre, que sendo padawan non teño por que currar tanto... si nin cotizo! Nin me pagan a tempo! A ver se a forza lle di ao consello jedi que contabilidade vai con retraso...
- Teño entendido que che pagaron parte da aprendizaxe que impartiches aos novos padawans... Sabes que un jedi non ansía o material, o capitalismo e o materialismo poden levarte ao lado escuro...
- Non lles foi sen tempo! Moito lado escuro, moito lado escuro, señor túnica de Gucci...
- Debes respectar aos teus maiores e superiores... E é de Chainataun, un jedi non gaña pa' Guccis de verdade...
Beluka Kenobi érguese da cadeira e alisa a camisa con ambas mans.
- Onde vas?
- Comprar CDs antes de que apliquen o canon novo, que teño que baleirar o disco duro.
E, sen máis, a padawan saíu do cuarto deixando atrás ao seu mestre, que axitou a cabeza con resignación e apertou a tempa esquerda soñando coa xubilación anticipada e un bungalow en Bora-Bora.
B.S.O.: Ani Difranco, Live in Paradiso, 7/12/2002
E a señorita Loeb queda fóra... Os alter egos están tontos...
0 Dime ti
Publicar un comentario
<< Home