// we don't look / like pages from a magazine / but that's all right // let's do it all imperfectly //

jueves, enero 12, 2006

Xa ule a venres...


Poida que a vós non, pero a mín xa me arrecende a caña... Non é que non fora de cañas esta semana, a verdade, pero as do venres son diferentes... Son tradición case sagrada, teñen ese toque de libertade, de fin de semana, de anticipación e ruptura da monotonía. Que é diferente a tradición de facer sempre o mesmo e a monotonía de facer sempre o mesmo, que quede claro.

O que vai de semana pasou sen pena nin gloria, aínda que con bastante traballo. Nesta adicción polo material de papelería que me corrompe caín na tentación dunha axenda moleskine, na cal por suposto xa anotei todos os cumpleanos que lembraba. E cabe salientar que nos puxeron dobre ventá no piso... Non lles era sen tempo tampouco.

A pesar da falta de novidades (sen contar o corte de pelo), quería deixar algo por aquí así que vos poño unhas liñas que escribín hai uns meses... Un ralle de paseo solitario por Vigo, mp3 en ristre, que se tornou en intento pseudo-poético. Algo hai que facer. Chámase "Café con leite".


Hoxe síntome infantil e vulnerable,
abraiada por escintilantes luces de cores e faros halóxenos,
observada na miña soidade observadora,
analizando as pozas nas que se intenta reflectir a lúa;
o asfalto húmido impregnado dos faros dos automóbiles,
as baldosas de pedra, múas baixo os meus pés.

Hoxe ollo expectante as esculturas que vixían a cidade
(que baixe unha collerme),
hoxe espreito aos manequíns
(que saia un collerme a man),
hoxe pido que me fale un estraño e que me toque un amigo,
hoxe quero convidarte a un café
e quero que o seu vapor nos empañe os ollos.
Quero que me falten as palabras e me sobren os abrazos
e escachar coma a louza,
arroupada pola túa pel.

Hoxe quero deixar de mirarme os pés ao camiñar,
absorta en mín e na noite en soidade,
erguer os ollos ás estrelas e ver de novo as escintilantes luces de cores.