A horrible ironía da vida
Por que non pode a vida comportarse con normalidade? Non sei vós, pero a mín empeza a fartarme que me bote todas as oportunidades boas ao mesmo tempo e no momento equivocado.
Onde estaba cando eu precisaba ter traballo? De vacacións, seguro. Logo de súpeto decide que xa abonda, xa non me poño máis morena, voulle dar á miña xente algo bo polo nadal (as miñas vacacións, monapanda) e que se estresen con supertraducións, traballos de doutoramento, redaccións de manuais e, por que non, esta amigdalitis que non me dou quitado?
Non é quen de escoller o momento axeitado e equilibrar as súas ofertas. Xa cheguei a un punto no que estou a agardar a que o home da miña vida apareza na miña porta calquera destes días. Chamará ao timbre e eu abrirei a porta co peor pixama da historia posto, xunto cunha camiseta grande de máis, gastada e desastrosa, co kleenex na man, por suposto, e o nariz ao máis puro estilo rudolph. El sorrirá, todo riquiño, e, por suposto, eu direille "síntoo, estou moi ocupada".
É coma cando estás deprimida por algo, como, por exemplo, que levas séculos sen ligar. De súpeto, todos os que te rodean están metidos en relacións estupendas con tíos os que desexarías ter visto ti antes (ou atacado, xa que estamos). Estes amigos pídenche consellos, que das, ti animas a outros a que lle entren a aquela que lles mola, e consegues que os seus mundos xiren e todos sexan felices e teñan unha vida sexual saudable. Coma se non me sentira eu soíña xa mal abondo, si, por favor, vide pasarme polos fuciños a vosa felicidade orgásmica. Así rematas rodeada de parexas, collidiñas da man, mentres te aferras á túa cervexa na disco, pasando dos tíos porque, de todos xeitos, non cres que se vaian achegar. A ti non. Non mentres esteas rodeada de outros homes que resulta que son só amigos, non se as rapazas que están contigo son tan fermosas e simpáticas que desexarías odialas pero non podes.
Pero a vida é inxusta e iso sábeo todo o mundo. Fai que pilles un catarro cando tes unha semana libre e fóra vai sol, faiche chegar o traballo da túa vida cando vas retrasada con outras encomendas, fai que non teñas tempo a mercar os regalos de nadal xusto o ano no que pospuxeche a compra...
Esperemos que aprenda dos seus erros, e pronto, porque se non vénme enriba un ano moi difícil.
Bo Nadal!
0 Dime ti
Publicar un comentario
<< Home