Os nenos veñen a por nós
Cando estaba na escola, miña nai adoitaba dicir que había menos nenos ca antes. Dixera que só un par de anos antes de que eu chegara a 7º de EXB ela daba a clases de máis de 40 alumnos. Conta 40 alumnos 5 aulas por curso, sonche unha chea de pícaros de 12 anos. Nós eramos sobre 20 alumnos por clase, tres clases, así que eu din en pensar que a aquel ritmo non quedarían nenos para encher as escolas en moi pouco tempo.
Mesmo fixo que me preocupara pola despoblación do planeta, que pensara en patios tristes e baleiros, coas randeeiras a se mover baleiras na néboa, ningún alumno nas súas clases... Pero, claro está, daquela esquecera comentar que as xerazóns anteriores á miña eran fruto dun baby-boom.
Esa frase tamén daba medo abondo. Como ocorre exactamente un baby-boom? Sona coma se tódalas mulleres do país tiveran unha sociedade secreta á que non fun convidada (aínda?). Se cadra reúnense en santuarios de estilo masónico e celebran unhas enormes ceas arredor de mesas de madeira xigantescas, coas súas capas moradas con incrustacións douradas, brindando á saúde dos medicamentos contra a síndrome premenstrual e a epidural, rindo dos estereotipos do "sexo débil" e tratando de averiguar como sacarlles utilidade aos homes, chegando así ao acordo de que deben concebir ao instante, todas ao mesmo tempo (seguen risas a esgalla, estilo gánster cun bo plan). Ou se cadra só é unha paranoia estilo ai-meu-deus-vai-acabar-o-mundo-teño-que-usar-o-meu-útero-xa.
É que me custa crer que pase sen máis. Está a pasar, por se non vos destes conta. As rúas están ateigadas de nenos e carriños de bebé, o ruído nos centros comerciais duplicouse (ou mesmo triplicouse!) e non paran de medrar barrigas por todas partes. Eu, de feito, estou rodeada de mulleres embarazadas; vivo co temor de que sexa contaxioso...
Non me malentendades... Os nenos son riquiños. En pequenas doses. Eu estaría encantada de ter un sobriño ou sobriña calquera día destes. Pero por aí hai MOITOS cativos. E viñeron para quedar. Non só iso, senón que son máis listos, máis fortes e máis crueis do que eramos nós á súa idade. A calquera idade, se nos poñemos. Teñen un plan, e os adultos somos o obxectivo.
Agora haivos nenos de 4 anos que agreden aos mestres, nenos que acosan ás súas nais sen piedade para conseguir unha PlayStation ou unha chocolatina, nenas de 10 anos que visten coma Lindsay Lohans estilo zorrón, e situacións moito peores.
Nós, os adultos, témonos que andar con ollo ou acabaremos hacinados nalgún búnker baixo terra, tremendo en grupo baixo mantas sucias e raídas, temerosos de que os nenos nos atopen e veñan por nós, con medo a comezar unha nova sociedade que remate por se volver contra nós. Pero mentres temos coidado con este baby-boom ou o seguinte, os condenados reloxios biolóxicos seguen a funcionar e de seguro cederemos a eles. Despois de todo, os nenos son riquiños, non si?
0 Dime ti
Publicar un comentario
<< Home