// we don't look / like pages from a magazine / but that's all right // let's do it all imperfectly //

martes, noviembre 15, 2005

Verde

TRD Santiago-Vigo
Novembro, 2000
Unha vez díxenche que, cando chove, o verde, o verde da herba e das árbores, é máis verde ca nunca. Soa simple. Éo. Eu decatárame máis veces. Sempre indo soa. Coma cando vou no tren. Prefiro ir do lado da ventá, coma todo o mundo supoño, e ver pasa-lo mundo, coma se se me movese el baixo os pés e eu ficase queda ollándoo. Vese máis bonito que estando quedo, porque cambia seguido. Ves rías, ríos, campos, leiras, casas, cidades, estacións, árbores... e óllalos coma se fosen un cadro que te abraia, coma por primeira vez e coma se foses un neno que nunca tal cousa vira. E se chove, o verde é máis verde. E o laranxa do outono máis laranxa. E o azul máis azul. E as cores máis cores. E o mundo máis mundo.
Encántame que chova. Ben sei que ás veces farta, pero sempre me acordo das ganas que teño de saír ó medio da estrada e dar voltas e voltas sobre min mesma cos brazos abertos, ollando cara ó ceo, mollándome mentres algunha raiola asoma rindo a miña graza. E ver chover dende a casa. Dende unha casa quentiña, cunha cheminea acesa, lapeando detrás do cristal e dando esa calor que che pon roibas as meixelas, mentres tomas algo quentiño, ou unha cervexa fresca, feito unha bóla no sofá, coa tele posta, se cadra, ou lendo ou escoitando ou mirando o fondo da cunca sen pensar máis que no a gustiño que se está. Eu quero unha casa quentiña. Con cheminea. E boas vistas. Vistas co marco dunha ampla ventá veneciana dende a que ve-lo mundo os dous. Mirariámolo con chulería. Mirariámolo dende o alto, dende o noso pazo nas nubes, con agarimo. Mirariámolo mentres nos apertamos, envoltos nunha manta e sen dicir unha soa palabra. Só mirando. E sorrindo por dentro. E se alguén nos puidese ver, vería aló arriba un cadro de luz amarela, cunha figura de dous corpos unidos, unha silueta, sen se decatar de que só nos ve a nós e nós vemos a todo o mundo dende o noso refuxio.

Unha vez dixenche que cando chove o verde é máis verde, pero seguro que quería dicir outra cousa. Seguro que estaba a soñar esperta con ver ese verde máis verde de tódolos verdes canda ti. Con vérmolo xuntos. Porque teño os pés fríos e non mos quencerían nin mil mantas xuntas. E disque cos pés fríos se ten o corazón quente. Non sei se eu teño o corazón quente. Eu sei moi poucas cousas. Pero as que sei, seinas ben. E ti sabes que é-la manta que mellor me quence os pés e o corazón e a min enteira. Unha aperta é un mar de mantas quentiñas que me envolven e me protexen. Envólvenme toda, mesmo o corazón, e sáenme cóxegas na barriga e sáenme sorrisos e sáenme bágoas. Unha ollada, unha palabra, oí-la respiración, profunda, coa cabeza apoiada no teu ombro e o sorriso dáme mil voltas á cabeza. E pecho os ollos e imaxino que non estamos alí, onde esteamos. Imaxino que non hai ninguén ó noso arredor. Que é un prado verde. Do verde máis verde de tódolos verdes. E o vento fai remuíños, reméxeme o pelo e éntrame o frío por fóra. E sinto os teus brazos, que non sei se son de la ou de que, pero que me dan calor. Danme calor por dentro e danme calor por fóra. Bícasme no pelo. O pelo non sente, pero dime que me bicaches. O pelo ponse contento e baila co vento e cántame que me bicaches. E os ollos aluméanme e pídenme a berros que te olle, porque non hai nada que lles guste máis ollar. Os beizos estíranseme nun grande sorriso, loitando por escaparme da cara e darche mil bicos. Fóxenme as mans para roza-la túa cara, a túa pel, o teu corpo enteiro. Mesmo as pernas queren atraparte, rodeándote. Logo báilame algo por dentro. Baila con cadeiras insinuantes que me fan cóxegas de emoción. Fanme cóxegas de emoción sempre. Cada minuto e cada segundo. E cando non estás quéixanseme as bailarinas. Cáenme as mans, entórnanseme os ollos, chámante os beizos, queren as pernas correr coma tolas para ir na túa procura. E eu dígolles que se calmen. Todos preguntan por que, porque non se queren calmar, que queren estar contigo. Dígolles ós ollos que te van ver outra vez, ó nariz que non esqueza o teu olor pero que pronto poderá seguir explorándote. Dígolles ós beizos que xa te bicarán enteiro, que vas vir. Animo ás mans, pronto camiñaredes por el, dígolles. Coxéganme as pernas pedindo azos para aguanta-la espera e dígolles levádeme logo. Erguédeme e ide paseniño buscalo. E todos se emocionan. As pernas coordínanse, primeiro unha, logo a outra, sen présa, porque aínda que tardemos imos chegar onda ti, e se o camiño se fai longo todos soñamos máis con verte. As mans tiran dos brazos para movelos ó compás das pernas, bailando de contentas. Os ollos só miran ó fronte, espreitando, e saben ben quen es ti e quen non, e quen non es ti tanto lles ten. O nariz respira esquivo, ignorando todo olor que non sexa o teu. Cando te vexo érguenseme as bailarinas. Báilanme por dentro e cántanlles ás pernas que apuren. E apuran. Pero só un pouquiño, sen correr. As bailarinas téñenme unha dinamo dentro que fai que se me encenda unha luceciña na cara, unha luceciña en cada meixela. O sorriso sinte a luz e estírase. Saúdote. Saúdasme. Agora andamos xuntos e ás pernas xa lles dá igual a présa ou a dirección ou a coordinación. As mans non queren estar soas. Díxome un paxariño que están namoradas das túas e non as queren soltar. Ás veces xogan as catro a se ollar, rodéante co brazo para mirar dende o fronte e non separarnos. Lévasme. Lévame onde queiras, pero lévame contigo.

1 Dime ti

Blogger R. A. di...

Fermosísimo texto. Por descontado, subscribo todo o que contas, agás o de xirar baixo a choiva: eu prefiro un bó impermeable para explorar o mundo baixo o diluvio.

8:37 p. m.

 

Publicar un comentario

<< Home