Ollos
¿Por que te afundes nos ollos marróns? Son areas movedizas que me absorben. ¿Que te observan? Non, devóranme, son lameiros de algo de dentro que me come enteira. Afundo nas olladas dos milleiros de ollos castaños, negros e escuros de noite que ás veces me espreitan cando falo. ¿Mírante? Fálanme tanto! Hai ollos que me miran e me amosan fotos en branco e negro de mulleres deitadas, e corpos brancos e grises que son transparentes e me amosan os ollos escuros que me falan. Hai ollos que me brillan agarimos na cara e me fan sentir ben. Hai ollos de noite que son azuis. Son ollos de azul ceo e de auga clorada de piscina que son como televisións que non calan. Hai catro ollos, dous azuis e dous verdes que me coidan, que me ensinan sen que a boca veciña diga nada. Os verdes cúbrense con cristais para que o que me contan se faiga lene e me agarime pola noite cando durmo e os azuis lémbranme nena e síntense muralla miña. ¿Mírante? Míranme uns ollos marróns xigantes, atrapados polas pestañas máis longas do mundo e cántanme poesías tan bonitas que cando os meus ollos as oen chorarían seguido. Os ollos xigantes gústanme. Afúndome nos ollos xigantes.
¿Por que te afundes nos ollos xigantes? Son areas movedizas que me absorben. ¿Que te devoran? Que me comen, que me desfán... que me cubren coas mans máis quentes do mundo que me erguen sobre as nubes mentres os ollos todos me miran e me falan. O coloquio dos ollos ó meu redor envólveme e véxome nadando nun mar pequeno coma unha poza, unha poza quentiña nos ollos que roda e roda polas meixelas abaixo e me fabrica o resto do corpo para que poida apertar e bicar ós ollos que tanto me fan chorar ó corazón, feliz por ter por qué funcionar.
0 Dime ti
Publicar un comentario
<< Home