La vuelta al cole
Aínda que a miña ausencia vacacional ao traballo foi escasa, hoxe notouse a "volta ao cole". A xente non debe ter casa ou máis que facer que vir á oficina. Dirán, "boh, xa que 'tou por aquí, vou preguntar algunha gilipollez á ORI a ver qué me contan". E a que hora van? Á do café, claro. Pero xusto, xusto cando vas marchar ao café, nin antes nin despois. Ergues o cú da silla e entran catro pola porta. Sorrís, dis "dime", toda amable, e cando empezan a preguntar como se cubre o papel da declaración xurada para a bolsa da xunta soa o teléfono e é alguén que che pregunta como se cubre o papel da declaración xurada para a bolsa da xunta. Está claro que mandalo por e-mail xunto cunha explicación de como se cubre non vale de nada. A xente non le as instrucións. É unha verdade tan universal como que a naide lle queda ben un gorro de piscina.
Para colmo do estrés que me acompañou hoxe, os do correo decidiron vir, despois de ausentarse dous ou tres días (seguramente debido a que o acceso do rectorado agora mesmo é unha congostra que nin o peor camiño de Riotorto, e que me perdoen os de Riotorto).
Por suposto, a montaña de correo era inmensa. Empezo a abrir, a facer montonciños (o meu sempre acaba sendo o máis grande, empeza a desesperarme) e cando está todo estrado pola mesa, sen orde aparente, vén alguén que, cómo non, ten que sacar outros cen papeles da súa carpeta e poñelos sobre os meus montóns. E non lle vas dicir "mira, que non o parece pero esto tenche un orden".
En días como hoxe, cando dan as dúas salgo coma un foguete. Ben deito que só traballo 5 horiñas. Aínda que todo melloraría se alguén se presentara para cubrir o outro posto de bolseiro (que esa é outra, levo ano e pico currando mil e sen cotizar, qué ben vai España, si señor). Pero ninguén se presentou para a bolsa e a cousa non parece avanzar... En fin, que cando chegue a remesa de Erasmus do 2º cuadrimestre vamos flipar. Ata entón, penso ZEN.
0 Dime ti
Publicar un comentario
<< Home