// we don't look / like pages from a magazine / but that's all right // let's do it all imperfectly //

viernes, enero 27, 2006

Raíñas, princesas e musas


Empecei a escribir unha entrada para esta semana unhas cantas veces. Fáltame a inspiración. Se cadra pásame por ter fe nas musas. É coma cando ás veces sintes unha presencia ás costas e teste que virar comprobalo. Para mín, moitas veces, son eses seres que imaxino etéreos, axexando dende o balcón ou sentadas na cama a ollarme mentres premo as teclas coma quen toca un piano. Nunca fun quen de dar tocado o piano, pero acaricio as teclas do ordenador co agarimo dun violinista. Agás cando faltan as musas e a consecuente inspiración. Entón os dedos só dan chimpos sobre as letras, dubidan na barra espaciadora e tamborilean para pensar.

A verdade é que algo si tiña que contar. Cousas que pasan, de pouca importancia, pero o caso é seguir poñendo letras na pantalla.

Esta semana, contra toda lóxica e loitando contra a adversidade que afecta a alguén tan torpemotriz coma min, gañei aos dardos. O martes, se non recordo mal, tivemos un man a man o Stefan i eu. A batalla contra o teutón, gañador empedernido, saldouse con 2 partidas de dúas gañadas por parte da que subscribe. Seguindo a racha de raíña dos dardos, o xoves, con dous participantes máis, din gañado outras dúas, esta vez de catro. Podedes imaxinar como me invadiu a euforia, con saltiños de xúbilo incluídos. Aínda oio os aplausos e estrondos do público imaxinario… Mellor paro, que aínda hei caer do podio de cu e volver ás andadas. Esperemos que todo sexa seguir aprendendo… Sobre todo matemáticas, para que non me teñan que dicir que co 17 triple fago os 51 puntos necesarios. Que se non xa tiraba eu ao 20 doble e ao 11. Gañar, gañarei, pero parviña sigo sendo un cacho.

Houbo tamén momentos tristes e alegres ao mesmo tempo. Hoxe de madrugada marcharon tres membros do pequeno Erasmus Team que temos montado, de volta para terras nórdicas. Para despedir aos nosos tres danesiños houbo unha festa ao típico estilo estudiantil: un piso compartido cheo de diferentes nacionalidades, bebida e guitarras baixo unha nube de fume digna do Londres máis neboento. Un irlandés que se tira contra os contenedores baixando Gran Vía, a Bola, bailes e copas… ata que unha xa non puido máis e se foi deitar. Se cadra no fondo quería evitar a despedida colectiva de cando as princesas danesas e o home dinamita tiveran que ir coller as maletas e un taxi ao aeroporto. Non sei como acabaron o resto a noite. Imaxino que ben. Valla de homenaxe a foto (Martin, Cecilie, Álex, Mette e Mattias) para os ausentes… e para Mattias tamén, xa que sae, para non deixalo fóra.

As despedidas son tristes, pero logo os reencontros son emocionantes, non? Así xa me imaxino de viaxe por Europa, unhas semaniñas en Copenhague, algún día, despois da prometida Alemaña este ano, pero algún día… Supoño que o que me fastidia é que esta só é a primeira despedida dunhas cantas. Pero polo menos véxoas vir… Todos os Erasmus pasarán pola oficina e vereinos ir igual que os vin vir. É lei de vida e merece a pena, non o vou negar. Xuño será duro, pero aínda queda moito.


cause all i want to be is the minute that you hold me in
when you pretend that i'm all that you waited for
time slips to nothing and i'm better than i've ever been
i'm suspended
Suspended – Matt Nathanson