O estraño caso da bailarina morta (II)
A primeira bailarina que falou comigo riu, apartou uns cabelos da fronte e dixo que non sabía nada. Véndoa falar e rir, quedoume claro que era certo.
A segunda bailarina que falou comigo chamábase Amanda. Pola súa ollada souben que nunca lle sobraría o n no nome. Levoume ao seu apartamento, a carón do cabaret, e fíxome un té.
Contoume tantas cousas que gastei o lapis. Ela tiña máis, e deixoume un feixe deles por se acaso.
Se queres debuxar o que sei, hanche facer falta. Debuxarme a min leva moita mina, e non son ninguén! Nunca entendín como podo estar tan baleira e ter tantas cousas dentro. Pero a nada ocupa, vaia se ocupa... Esta tristura miña desfíxome por dentro... Pero supoño que as farangullas están nalgures.
Nunca vira unha ollada tan sinceira. A súa tristura era tan fermosa, gris e inquedante que, mesmo se me sentín culpable, non quixen animala, consumida por unha especie de síndrome de Stendhal ante tan abraiante obra de arte humana.
Sentou o seu cú perfecto ao borde da cama, a carón do furado que, según me dixo, non levaba a ningures e ninguén enchería xamais.
Faloume das bailarinas mortas. Dúas, asegurou.
A primeira aparecera na sala do piso no que vivía, sentada no sofá, coa ollada perdida e un desparafusador no peito.
(Ninguén investigara... só era unha bailarina...)
A segunda, como eu xa sabía, apareceu na rúa. Deitada, nunha poza de sangue, un fino corte no pesozo.
Non había nada salientable nelas, díxome, nada que non poidas ver en min, nada que non se baile, nada que non se poida espir.
Miroume cunha ollada penetrante que me doeu nas córneas, e engadiu:
Elas están mortas. Elas xa non dirán nada. Terás que buscar o salientable nos outros. Nos que nos ven bailar, nos que nos ispen.
Calou e eu quedei rumiando as súas verbas un bo anaco.
E quen son?
Como resposta á miña pregunta ela ergueuse e buscou nun caixón. Del, tirou dúas follas de papel.
Unha estaba chea de puntos e outros signos de puntuación.
A outra só tiña catro interrogacións, centradas.
Esta, tan chea, é a xente do mundo.
Estoutra non é o mundo. Porque nós estamos fóra del... e eles, a xente que buscas, tamén. Están perdidos, fuxiron, morreron por dentro. E se non os atopas, se non descubres quen deles foi, nós estamos mortas por fóra.
Marchei do seu piso camiñando lentamente, coa man branca da forza que facía ao apertar o anaco de papel. Un anaco de papel con catro nomes.
0 Dime ti
Publicar un comentario
<< Home