// we don't look / like pages from a magazine / but that's all right // let's do it all imperfectly //

sábado, mayo 10, 2008

O estraño caso da bailarina morta (I)


Ao ir ver aquela silueta perdida no asfalto abraioume o contraste da tiza coas manchas de sangue. Observeina durante tanto tempo que me pareceu ver o corpo ao que unha vez contorneara.
Sabía de quen era, por suposto. Así, imaxinala era máis sinxelo. Case espida, cos membros espallados coma se, tralo impacto, xa non foran seus.
Os seus beizos aínda con carmín brillante.
Os cabelos aínda en perfectas ondulacións.
O abano de plumas do cabaret aínda na man.

Ese día, ao chegar á casa, decidín que ao darme corda me convertiría en detective.
Detective oficial do estraño caso da bailarina morta.
Inserín a grande chave de metal no embigo e xireina. Desta vez, máis do necesario.

Curiosamente, a conversión en detective non incluía un chapeu de cadros, nin pipa e lupa, para o meu descontento. Seica abondaba cunha libretiña e un lapis, un lapis dos de trabucarse, con goma. Aínda así, crin convinte empregar un gabán. Onde se viu un detective sen gabán?

Con paso firme e lento, percorrín a rúa do asasinato unha e outra vez. Roín a goma do lapis, para pensar mellor. Ollei o contorno debuxado no chan de novo. Por si só non axudaría a encher a libreta.

Pssst.
Pssst.

Dende unha fiestra baixa entreaberta, a carón do lugar do asasinato, alguén intentaba chamar a miña atención. Achegueime e un pequeno robot de folla de lata asomou a súa cabeza azul brillante pola regandixa.

Non foi a primeira, dixo o pequeno robot, houbo outra... outra bailarina morta.

Tomei nota no caderno e pregunteille quen fora, que acontecera...

Non sei!, dixo case anoxado, Eu son un robot de lata! Que vou saber! Pero oíno dicir... houbo outra e ninguén sabe que pasou.

O robot meteuse para dentro de novo.

O meu caso estaba a volverse máis estraño e complexo.

Se cadra, no cabaret, atoparía respostas.

4 Dime ti

Blogger Luchete di...

Robots de latas...bonita foto sí...

He intentado ponerlo como siempre en castellano, peor ésta vez no me ha dejado, así que el texto lo entendí a la mitad!

Que tengas buena semanita! Un abrazo!

7:22 p. m.

 
Blogger Raposo di...

Esto promete.

1:04 a. m.

 
Blogger Marinha de Allegue di...

Intrigante...

Unha aperta.
:)

10:28 p. m.

 
Blogger Ra di...

Eres un regalo, Belukita.

Abrazo.

11:21 a. m.

 

Publicar un comentario

<< Home