Deixei correr a auga da ducha mentres lavaba os dentes e o espello amosoume unha caixa torácica baleira.
  Sei que non está baleira, díxenlle, amósame a cabeza.
  Na superficie cristalina reflectíronse rostros, lugares, un remuíño de elementos indescritibles na miña fronte. Unha desorde aterradora, un novo caderno mental de historias, pensamentos e problemas esaxerados. Abaneei a cabeza con pesar e metinme na ducha.
   
  Por que o fas?, díxome tras a cortina. Por que lle das voltas a todo?
  Non o poido evitar, respondinlle á miña personaxe, non poido evitar pensar!
  Xa somos moitos aquí dentro, sabes? E se temos que enfrontarnos tamén aos teus problemas e loitar polos teus desexos non imos dar feito.
  Asomei a cabeza chea de escuma pola cortina. Mirábame dende o bidé, sentada. Era estrañamente semellante a min, pero máis dereita, ben peinada, sen bolsas baixo os ollos. Espreitábame agardando unha resposta que non me deu tempo a dar.
  Poderías sacar a algúns. As bruxas comezan a impacientarse e as amazonas están confusas cos cambios de argumento! E nin che conto como andamos as Eus... unhas afogando en apertas, outras chorando, outras perseguindo recordos e fantasías sexuais... Unha desfeita...
  E ti cal es?, preguntei con curiosidade mentres aclaraba o acondicionador.
  A que non sae nunca.
  Por que non saes?
  Porque son feliz. Estou segura de min mesma e sei que o conseguiremos. Mesmo se aínda así siga sen saír. Daquela virán ideas novas e sairán as Eus  namoradas, as lascivas, logo as tristes e nostálxicas de novo... E eu quedarei aquí. Pero non me importa. Teño que coidar de ti.
  Saín da ducha e envolvinme na toalla. Mirei para ela abraiada, sen saber que dicir. Ela sorriume de esgueira, cun estraño cariño, coma se me estivese a confortar.
  Tes un lenzo enorme. Éncheo.
  Os seus ollos agardaban un asentimento. Dinllo. 
  Intentareino. Ordenarei todo o que poida e sacarei a uns cantos, prométocho, díxenlle.
  Ela sorriu de novo co mesmo furado nos dentes que teño eu. Abaixeime para enroscar a toalla na cabeza e cando me erguín xa non estaba.
   
  Mireime ao espello de novo. Esta vez só vin o meu reflexo. Puxen a lentilla.
   
  E sabes que? O mundo tamén é un lenzo.